17 agosto, 2008

RECORTE DE PRENSA 31 Julio 2006


O Grove lembra a Jacobo Otero Goday, "o médico dos pobres"

Lunes 31 de julio de 2006
Anxo Martínez / O GROVE
Os veciños do Grove son sen dúbida dos máis participativos e comprometidos, política e socialmente, de toda a comarca. Por iso non é
de extrañar que os actos do Ano da Memoria fosen arroupados onte por centos de veciños da vila.
As actividades comezaron pola mañá, coa chegada do Barco da memoria, que foi recibido por un grupo de dornas mecas. Nas adegas do barco vai unha exposición que conta a historia da represión franquista contra as xentes do mar, e a primeira hora da tarde presentouse o novo número da revista "Ardentía", feita pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
No barco congregouse unha gran cantidade de xente -tamén turistas- de varias opcións ideolóxicas. Polo grupo de goberno, pola mañá estivo o concelleiro de Cultura, José Manuel Cores, e pola tarde acudiron o alcalde, Miguel Ángel Pérez, e a edil de Seguridade Cidadá, Ana Domínguez.

O "médico dos pobres"
Xa pola tarde, os actos trasladáronse primeiro á casa de don Jacobo, en Lordelo, onde se lle rendeu unha homenaxe a Jacobo Otero Goday, republicano; ó nacionalista Xacobe Barral Otero, sobriño do anterior e que era alcalde do Grove en 1936; e ó socialista Miguel Mandías Merino, funcionario municipal, que como os outros dous foi condenado a cadea perpetua polas novas autoridades franquistas.
Foi un acto cargado de emoción, porque sobre todo Jacobo Otero Goday é unha persoa moi querida no Grove. Médico de profesión, considérano un dos grandes valedores das clases desfavorecidas. Afírmase na vila que ós pobres non lles cobraba as consultas e que mesmo había veces en que, ó visitar a algún enfermo, lle deixaba algún carto debaixo da almofada. Proba dese sentir que hai no Grove hacia este médico é que a de onte foi a cuarta homenaxe que se lle fai.

Outros homes represaliados
Os tres homenaxeados onte estiveron nas prisións de Figueirido (preto de Pontevedra), San Simón e San Cristóbal (Pamplona), de onde en 1938 fuxiron más de 700 persoas, aínda que só tres acadaron o seu obxectivo de cruzar a fronteira española. Otero, Barral e Mandías pasaron nesos penais momentos difíciles, de fame e frío.
Pero a asociación creada no Grove e que está coordinando estas actividades ten unha lista de moita máis xente do municipio que merece unha homenaxe. Son Juan Allo Sabor, José Dadín Novás, Luis Antúnez, Manuel Currás, Francisco Iglesias Franco, Arturo Mascato, Albino Iglesias, Saturnino Mejuto, José Antúnez, Ignacio Francisco Caneda, Leopoldo Fernández, José Prol, Ángel Cadavid, Manuel Puente, Francisco Otero, José Casas, Ricardo Figueiro, Juan Álvarez, Manuel Costas Mascato e Perfecto Allo, entre outros moitos.
Xa para hoxe, ás 20 horas haberá un acto de homenaxe ós grovenses fusilados, na Praza de Arriba. Ás 20,30, na lonxa, Carlos Meixome pronunciará unha conferencia sobre a Galicia de 1936; e ás 21 horas proxectarase un documental sobre o terrible penal da illa de San Simón.



Próxima parada, na Illa

O Barco da memoria aínda estará mañá en O Grove. Despois de ahí a súa seguinte parada será A Illa de Arousa, a onde chegará o mércores, 2 de agosto, ás 16,30 horas. Ese día proxectarase o documental "A fuga de San Cristóbal", ás 20 horas. Este barco -un vapor do século pasado rehabilitado- estará na Illa ata o venres.

No hay comentarios: